Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e o Concello de Boiro impulsan o coworking local a través do proxecto LAB Barbanza 2.0

Neste centro, adherido á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, porase en funcionamento unha oficina técnica de apoio ás persoas emprendedoras

O coworking de Boiro ten un marcado carácter supramunicipal, prestando servizo a toda a comarca do Barbanza

Para o desenvolvemento do proxecto LAB Barbanza 2.0 a Deputación achegará un total de 60.000 euros

A Deputación da Coruña e o Concello de Boiro  impulsan o coworking local a través do proxecto LAB Barbanza 2.0

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero García, e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, asinaron esta mañá na sede da institución provincial un convenio de colaboración para impulsar o proxecto "LAB Barbanza 2.0", de dinamización do coworking da localidade, integrado na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.

Este convenio enmárcase dentro da liña de axudas para a promoción dos viveiros de empresa e espazos de traballo (coworking) que dinamicen a actividade empresarial e fortalezan o tecido produtivo a nivel local do Plan de Emprego Local (PEL) e, grazas a súa sinatura, a Deputación destinará 60.000 euros a cofinanciar o 80% do custo total do proxecto, que ascende a un total de 75.000 euros.

Tanto para a Deputación como para o Concello de Boiro a creación de emprego constitúe unha prioridade, realizando en todo momento actuacións encamiñadas a potenciar a creación de empresas e ao fomento do emprendemento.

"A Deputación aposta pola creación de emprego e a retención do talento coa Rede de Coworking Provincial. Once centros, entre eles este de Boiro, que están permitindo que máis de 150 emprendedoras e emprendedores coruñeses poñan en marcha os seus proxectos e ideas de negocio sen ter que saír do seu territorio", afirmou o presidente, Valentín González Formoso.

Formoso explicou que o proxecto LAB Barbanza 2.0 incluirá a creación dunha oficina técnica especializada no apoio ao emprendemento, actividades de dinamización e captación de novos proxectos e unha aceleradora de proxectos estratéxicos para a comarca coa que se busca "fortalecer o ecosistema emprendedor de toda a comarca de Barbanza".

Pola súa banda, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, afirmou que "este proxecto para a dinamización do espazo de coworking completa o que xa se levou a cabo para facilitar a creación e implantación de novas empresas".

"Facemos unha aposta decidida polo emprego e o emprendemento, para crear postos de traballo e impulsar ao sector empresarial en Boiro", subliñou o alcalde.

O coworking LAB Barbanza de Boiro foi uns dos primeiros da provincia en incorporarse á Rede Provincial de Coworking, que actualmente está integrada xa por 11 espazos de traballo colaborativo. Pode atopar máis información sobre a Rede na súa páxina web: https://redecoworking.pel.gal/