Formoso agradece o traballo do persoal da Deputación “para pór esta institución ao servizo da cidadanía”
Tras a pandemia, a Deputación reúne de novo polo Nadal os traballadores para homenaxear os que se xubilan e os que cumpren 25 anos de servizo
O presidente destaca o compromiso do persoal e a corporación "para asumir os retos enormes que se nos plantexaron como a pandemia e a crise posterior"
A institución provincial celebra este ano o seu 200 aniversario
A Deputación da Coruña recuperou este ano o tradicional encontro dos seus traballadores polo Nadal. Un acto no que participou tamén o vicepresidente, Xosé Regueira, e a corporación provincial ao completo e boa parte dos máis de 800 traballadores e traballadoras da institución nos seus distintos centros e que estivo conducido polo actor e humorista Xosé A. Touriñán.
Durante o acto fíxose un emotivo recoñecemento aos 70 funcionarios e funcionarias que se xubilaron nos últimos anos e ás máis de 50 persoas que cumpren 25 anos de servizo na institución provincial.
No seu discurso de Nadal, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou "a boa nova que é podernos volvernos a xuntar tras a pandemia" e agradeceu "o traballo, compromiso e dedicación" do persoal ao servizo da Deputación e dos membros da corporación provincial durante "uns anos difíciles, nos que nos tocou asumir retos enormes que se nos plantexaron", como a pandemia e a posterior crise derivada da guerra da Ucraína. "Grazas por axudarnos a pór esta institución bicentenaria ao servizo da cidadanía, unha vez máis", afirmou Formoso.
"Seguimos traballando a adaptándonos a circunstancias difíciles e excepcionais, destinando máis de 20 millóns de euros aos sectores máis afectados pola pandemia, apoiando a máis de 2.000 novas empresas, impulsando a creación de miles de emprego e mellorando os servizos e infraestruturas dos 93 concellos. Non sería posible facelo sen un excepcional equipo humano e profesional como o que temos na Deputación", afirmou o presidente.