A Deputación eo Concello de Santiago investirán 800.000 euros nas obras do primeiro tramo da Vía Verde en Compostela
A Deputación da Coruña e o Concello de Santiago investirán 800.000 euros nas obras do primeiro tramo da Vía de Verde en Compostela. A colaboración para o financiamento da execución das obras articularase a través dun convenio de colaboración, que establecerá a achega económica de cada administración (500.000 euros da Deputación da Coruña e 300.000 € por parte do Concello de Santiago) e encomendará á institución provincial a contratación, execución e dirección dos traballos desta primeira fase das obras.
Trátase dun primeiro tramo de 2,1 quilómetros da Vía Verde dentro do termo municipal de Santiago, ao que seguirá outro para completar un percorrido de 10 quilómetros que conectará co tramo da vía entre Oroso – Cerceda, que xa está en funcionamento desde o pasado mes de setembro. O remate das obras suporá a creación da maior Vía Verde de Galicia, con 36 quilómetros de lonxitude.
Actuarase sobre 2,165 quilómetros, que non producirán afección ningunha sobre bens de interese cultural ou xacementos arqueolóxicos, xa que non afecta directamente a ningún elemento catalogado, ao discorrer o proxecto sobre a plataforma xa existente do antigo ferrocarril.
O tramo que se vai rehabilitar contempla un trazado no que se atopan dous túneles. Un a medio quilómetro da estación da Sionlla, que discorre baixo a N-550 e conta con 454 metros de lonxitude, que se atopa nun bo estado xeral, segundo o informe do proxecto, aínda que presenta filtracións, máis importantes nos longos períodos de choiva
O segundo túnel, de 385 metros de lonxitude, transcorre baixo o Monte Cacheiro e o Camiño de Santiago Inglés, na variante de Agualada. Atópase máis deteriorado que o anterior, cun nivel elevado de filtracións de auga.
Entre as actuacións que se van realizar figura a roza e retirada de vexetación, cascallos e lixos, no seu caso; o reperfilado e nivelación da capa de balasto existente; o estendido e compactación dunha capa de zahorra de espesor medio de 15 cm.; e o perfilado e execución de cunetas.
As solucións sinaladas aseguran unha gran accesibilidade, xa que permiten o percorrido de todo tipo de bicicletas, de cadeiras de rodas, de carriños de bebés e de persoas con minusvalías. A maiores, confire un gran atractivo á Vía Verde, pois permite que os usuarios a perciban como un "novo produto", perfectamente definido e diferente doutros existentes, e que facilita o percorrido e acceso aos puntos de interese.
Tamén está prevista a instalación de elementos de protección, como varandas, elementos de sinalización e elementos auxiliares, como indicación de puntos quilométricos, pivotes extraíbles, aparcabicicletas e bancos e mesas nas áreas de descanso; e a iluminación dos túneles con lámpadas leds, alimentadas por paneis solares.