Estás en:Novas

A Deputación financia con 105.000 euros a seis festivais musicais de iniciativa privada

Esta nova liña de axudas ten o obxectivo de seguir reactivando a economía do sector, axudar a manter o emprego no sector cultural e na economía dos municipios onde se celebren os eventos

As subvencións van desde os 6.000 euros de mínimo aos 24.000 euros de máximo

"A nosa intención é consolidar esta convocatoria. Este é un primeiro paso para ir xerando unha identidade propia que englobe aos festivais da provincia da Coruña, moitos deles referencia no seu sector", indicou o deputado de Promoción Económica, Blas García

A Deputación financia con 105.000 euros a seis festivais musicais de iniciativa privada

A Deputación da Coruña publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión definitiva da nova liña de subvencións destinadas a entidades privadas para apoiar a celebración de festivais musicais, que destinará 104.804 euros para impulsar un total de seis proxectos na provincia.

As subvencións van desde os 6.000 euros que recibirá o VII Festival Psicotroita aos 24.000 euros que recibirán o Nachiños Fest 2022, o ciclo de eventos Pasatempo en Betanzos 2022 o WOS Festival 2022. Os outros festivais beneficiarios son: Festival Entrebateas (11.000 euros), e o IX Festival de Arpa Internacional Vila de Noia (15.804 euros).

O obxectivo desta nova liña de subvencións é o de axudar a potenciar o sector cultural, manter o emprego, e a continuar reactivar a economía dos concellos onde se celebren. O deputado de Promoción Económica, Blas García, explica que "nun contexto de incerteza económica como no que nos atopamos actualmente, a nosa intención é a de consolidar esta convocatoria".

"Este é un primeiro paso para ir xerando unha identidade propia que englobe aos festivais da provincia da Coruña, moitos deles referencia no seu sector", indicou o deputado, que destacou o gran impacto económico que teñen estes festivais para os concellos onde se realizan. "Milleiros de persoas acoden a eles e deixan un beneficio económico importante en todos os sectores, o que redunda na reactivación económica e na creación do emprego local", explicou.

Puideron optar á subvención aqueles festivais musicais con identificación e marca propia e recoñecible, programación diversa que aglutinase diferentes propostas artísticas, organizado periodicamente, con data de celebración consolidada e orientada á consecución de públicos amplos ao redor dunha proposta de contidos coherente e definida.