Estás en:Novas

A Deputación destina 183.000 euros a mellorar a pavimentación e a seguridade viaria en varias rúas do centro de Melide

A execución levarase a cabo nas rúas Concepción Arenal, Curros Enríquez, Fernández Flores, Alfonso Castelao e Avenida de América

Renovarase un tramo total de 325 metros de lonxitude coa intención de mellorar a funcionalidade das vías e a súa seguridade

A Deputación destina 183.000 euros a mellorar a pavimentación e a seguridade viaria en varias rúas do centro de Melide

A Deputación vai destinar 183.248 euros para executar a mellora da seguridade viaria nas rúas Concepción Arenal, Curros Enríquez, Fernández Flores, Alfonso Castelao e Avenida de América, no concello de Melide. As obras, incluídas no Plan Único, están en fase de licitación.

O proxecto contempla a renovación dun tramo de 325 metros de lonxitude, nas diferentes vías, coa intención de mellorar a funcionalidade das rúas e a súa seguridade, tanto para o tráfico rodado como para os peóns.

Así, procederase a executar unha plataforma a nivel, elevada respecto dos viais existentes, quedando distinguido o espazo entre ambos mediante os materiais e o despezamento destes. Deste xeito, utilizarase como pavimento para os vehículos a mestura asfáltica en quente, as zonas de aparcamento realizaranse con formigón desactivado e o pavimento peonil estará feito con baldosa granallada.

Tamén se prevé establecer unha nova canalización de augas pluviais mediante a disposición dunha gabia de formigón, cos seus correspondentes sumidoiros e pozos de rexistro.

A intención desta intervención é a de humanizar e incrementar o espazo de calidade nesta zona urbana, mellorando as vías de comunicación e as súas infraestruturas.