Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Vimianzo asinan o convenio para a xestión do Castelo e dos Batáns do Mosquetín en 2023

A institución provincial consignará nos seus orzamentos unha partida de 120.000 euros

"Con esta nova achega seguiremos avanzando para converter estes dous referentes do noso patrimonio e as súas contornas naturais nun enclave turístico nacional", salientou o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas

A Deputación e o Concello de Vimianzo asinan o convenio para a xestión do Castelo e dos Batáns do Mosquetín en 2023

O responsable de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas, e a alcaldesa do Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez, veñen de asinar o convenio de cooperación para a xestión con atención de visitantes, Mostra de Artesanía en Vivo e outras actividades do Castelo de Vimianzo e tamén dos Batáns do Mosquetín durante o 2023. A achega da Deputación sitúase nos 120.000 euros, dos cales 102.000 destinaranse para o Castelo e os 18.000 restantes para os Batáns.

Entre as obrigas contraídas polo Concello de Vimianzo están a de achegar o persoal necesario para a atención aos visitantes do Castelo, á Mostra e aos Batáns; a abrir os centros de acordo cos horarios que se establecen no acordo (o Castelo, de martes a domingo, excepto Nadal e Aninovo; e os Batáns, de luns a domingo) e a elaborar unha estatística de visitas mensual e de xeito obxectivo e valorable.

O Concello tamén se compromete, segundo o convenio, a realizar outras actividades, coma un obradoiro de decorados medievais, un desfile de moda de liño, un obradoiro de maquetas de barcos, exposicións temáticas na cociña, palilladas no patio do castelo, rutas a pé pola contorna do monumento, relatorios sobre os seus distintos aspectos e actuacións musicais e audiovisuais.

"A Deputación", explicou Penas, "leva realizado ao longo dos anos numerosas actuacións encamiñadas á protección, conservación, rehabilitación, musealización e posta en valor do Castelo de Vimianzo e os Batáns de Mosquetín, e con esta nova achega seguiremos avanzando para converter estes dous referentes do noso patrimonio e as súas contornas naturais nun enclave turístico nacional".