A Deputación lanza un novo programa para apoiar aos concellos na adquisición de vehículos para os desprazamentos do persoal do servizo de axuda no fogar
O importe máximo concedido por concello será de 20.000 euros e os automóbiles deberán ser novos ou de quilómetro cero
Formoso afirma que este novo programa atende unha das principais demandas dos concellos que xestionan directamente o SAF: o desprazamento do persoal
Este ano, a Deputación financia preto de 400.000 horas de axuda no fogar nos concellos da provincia
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar as bases dunha nova convocatoria de axudas da Deputación da Coruña para financiar a adquisición de vehículos por parte dos concellos para os desprazamentos do persoal do servizo de axuda no fogar (SAF).
O orzamento destinado para esta liña de subvencións é de 100.000 euros e o importe máximo concedido por concello elevarase ata os 20.000 euros. Os automóbiles adquiridos deberán ser novos ou de quilómetro cero. Esta medida ten como obxectivo realizar un apoio económico ás entidades locais de menos de 20.000 habitantes para a mellora da prestación esencial do SAF.
O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destaca que esta nova liña "pretende dar solución a unha das principais demandas que nos trasladan os pequenos municipios que xestionan directamente os servizos de axuda no fogar, como é o desprazamento do persoal en distancias que ás veces, sobre todo nos concellos rurais, son de moitos quilómetros e que ata agora viñan asumindo con vehículos particulares".
A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, enmarca esta nova liña de axudas "na estratexia de mellora continua que estamos a aplicar nas políticas sociais da Deputación da Coruña, reforzando non só o persoal e as horas se axuda no fogar que financia a Deputación, senón tamén cuestións coma os desprazamentos que ata agora non estaban contempladas".
As entidades solicitantes deberán estar prestando o SAF con persoal auxiliar propio. Ademais, deberán adscribir o vehículo aos servizos sociais para o seu uso polo persoal no fogar propio, e polo resto de persoal técnico do programa de SAF da modalidade de libre concorrencia durante toda a súa vida útil, que deberá ser un mínimo de 5 anos.
A aposta da Deputación polo reforzo Servizos Sociais
A administración provincial reforzará no ano 2023 os recursos de protección social dos concellos coruñeses cunha achega de 8,3 millóns de euros, o que permitirá financiar 395.000 horas de servizo axuda no fogar e contratar a 181 profesionais do ámbito social nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia.
A cifra supón un incremento de 10.000 horas con respecto a 2022 e 120.000 horas máis que en 2020.
En 2023, a Deputación financiará 71.033 horas de SAF nos concellos da comarca da Coruña e As Mariñas, 50.873 nos do Barbanza, 79.802 nos de Bergantiños e Costa da Morte, 102.605 nos da área de Ferrolterra, Eume e Ortegal e 90.669 nos de Santiago.