Estás en:Novas

Carmen Blanco Ramos

#AVoltaÁProvinciaEn52Autoras

Carmen Blanco Ramos

Obra

Carmen Blanco Ramos, nada en Vilar de Céltigos (Grixoa, Santa Comba), é unha escritora galega.

Naceu en Vilar de Céltigos, mais formouse académica e culturalmente en Madrid, onde marchou con só dez anos. 

Estudou Filoloxía na Universidade Complutense. Os seus inicios literarios producíronse cos contos publicados no suplemento cultural "O espello" d´A Freita. Revista da lingua e da cultura galega de Asturias. Publicou varios relatos e artigos de crítica literaria en Madrygal. Revista de estudios gallegos, A Freita e Grial. En 2001 regresou a Galicia e reside en Vilar de Céltigos.

Obra

Narrativa

A golpe de dor, 2002, 3C3 Editores. [GAL/10138]

Ensaio

O volframio en Varilongo. Santa Comba de Xallas (1941-1963), 2016, Xerais. [GAL/80]

Participación en libros colectivos

Muller de doce sal. Homenaxe a Inés Canosa (2000)
Ex toto corde. No oitenta aniversario de don Xesús Alonso Montero (2009)
Pontevedra Literaria (2007; edición)

Carmen Blanco Ramos, na páxina web de Edicións Xerais de Galicia.

Publicacións en Dialnet.

Facebook da autora.

Xesús Alonso Montero sobre a súa obra: 

O volframio en Varilongo : Santa Comba de Xallas (1941-1963)

O volframio, ese sorprendente ouro negro que tantas cobizas, fortunas e soños moveu nos anos da Segunda Guerra Mundial, é o protagonista desta maxistral monografía sociopolítica (e aínda máis) da escritora Carmen Blanco Ramos.

Ela mora en Santa Comba de Xallas, ao pé das farturentas minas de Varilongo, e alí entrevistou a varias persoas que, dun xeito ou doutro, tiveron que ver co "mineral" que, no seu día, mudou na comarca, nos anos de esplendor, fortunas, costumes, actitudes...

A febre e o gaño deste ouro negro mesmo suscitou versos ó xeito popular, como as "cantareas" recollidas nun capítulo deste libro.

É o ouro que disputaban, felinamente, axentes dos nazis e axentes dos aliados para perfeccionaren as súas terribles armas de guerra. Disputas nas que, en ocasións, atopamos empresarios, traballadores ben pagos e veciños que andaban "á roubeta" perseguidos pola Garda Civil. Alá no fondo, movendo algúns dos fíos do negocio, xentes moi vinculadas a Franco, como o seu cuñado Ramón Serrano Suñer (ex-ministro), o capitalista Ildefonso Fierro ou o pai de Cristóbal Martínez Bordiu.

Entre os que gañaron o pan nas minas de Varilongo está unha familia ilustre, honrada e castigada: os Liste (seis membros) da parroquia de Calo, con Eduardo Liste Forján á cabeza, irmán de Enrique Líster, o heroico capitán das milicias republicanas.

Esta é a primeira monografía sobre o tecido sociopolítico do volframio galego, que tantas cobizas enfrontou e tantos hábitos mudou noutras partes de Galicia, desde as ricas minas de Silleda ós pequenos filóns de San Paio de Ventosela, nas terras de Ribadavia.