Estás en:Novas

Ánxela Lema París

#AVoltaÁProvinciaEn52Autoras

Ánxela Lema París

Obra

Ánxela Lema París

Ánxela Lema París, nada en Muros, é Graduada en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios (2013) pola Universidade da Coruña.

No ano 2020 obtivo o título de Doutora, con mención internacional e cum laude, coa tese titulada Deconstruír o erotismo poético desde as non-monogamias. Estudo e relectura da poesía erótica galega e da súa recepción crítica na primeira década do século XXI.

Realizou, ademais, estudos de posgrao como o Mestrado Universitario en Literatura, Cultura e Diversidade (2014), o Mestrado en Teoria da Literatura e Literaturas Lusófonas (2015) e o Mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanza de idiomas (2021).

Foi leitora de lingua, literatura e cultura galegas e profesora temporal da Université Sorbonne-Nouvelle Paris 3 (2015-2018), leitora de español no Institut Universitaire de Technologie d'Amiens-Université de Picardie Jules Verne (Amiens, France/2017-2018) e investigadora no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (2018-2020). Na actualidade ten unha bolsa Margarita Salas na modalidade posdoutoral.

Os seus ámbitos de investigación son os estudos de xénero e literarios, especialmente a análise de como inflúen o sistema sexo-xénero e o sistema monógamo á hora de relacionarnos coa literatura.

Forma parte do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) e do Grupo EDIGAL.

OBRA

Tecermos redes, crearmos comunidade: Estudos sobre a obra de María Reimóndez. [GAL I 252]

É un monográfico que contén un conxunto de estudos cuxa vontade é a de reflectir a riqueza literaria dunha das maiores escritoras con que conta hoxe en día o sistema literario galego. Neste sentido, considerouse interesante traballar no tempo da autora debido a que as súas temáticas tocan de preto e implícanse fortemente coa(s) nosa(s) realidade(s) e co xeito que temos de habitar o mundo, de nomealo e de relacionarnos con el. É por este motivo polo que achegamos unha parte didáctica orientada aos equipos docentes galegos que queiran traballar dunha maneira lúdica e alternativa algunhas das súas obras; como tamén unha outra de carácter máis formal e científico e un texto literario que relé a obra máis sonada da autora. Deste xeito, deixamos constancia do necesario fío condutor que existe entre literatura e docencia, ao tempo que constatamos a utilidade política e transformadora da palabra de Reimóndez. O presente volume, en resumo, non é un monográfico ao uso, porque queriamos facer deste libro o trasunto do mundo que Reimóndez nos agasalla nos seus libros: un mundo plural, diverso e feminista.

As nosas letras de Muller a Muller

Un percorrido pola historia do Día das Letras Galegas, a través dos debuxos de Mareiras, acompañados dos textos de Ánxela Lema París.

Ex-céntricas

"Benvidas a este poemario de Ánxela Lema París e Sara Villar Aira a catro mans, dúas ex-céntricas, que chegaron para nos seducir coas súas palabras, levándonos da man por versos onde o desexo e o amor o constrúe todo, onde se reinventan as cidades, facendo de nós espectadoras dunha obra en construción abismal, dun xeito de vivir, de sentir e de amar torrencial.
Enchéndonos de música da Philarmonie de París, espidas de medo, escribíndose libres, baleas en perigo de excitación, as
voces líricas do texto reclaman que o amor se faga pandemia ou, polo menos, verbena de verán." Andrea Nunes Brións

O cento voando: Amores, alianzas e non-monogamias [GAL I 251]

O libro que tes nas mans xorde dun impulso, dunha necesidade de pór en común algo que non é novo, pero do que se escribiu pouco. Aquí encontrarás paxaros que non mercaron o discurso hexemónico e capitalista do amor e que se lanzaron a voar libres, valentes; reflexións sobre maternidades bisexuais e non-monógamas; reivindicacións da potencialidade revolucionaria das amigas e amigues; metaamores que rexeitan o termo para reivindicar o seu propio lugar; apostas políticas nas convivencias interxeracionais; cuestionamentos dos privilexios e do desexo entendido como un construto social; análises da relación entre monogamias e capitalismo ou exposicións dos conflitos e dificultades diarias a que se enfrontan as persoas que apostan por unha vida poliamorosa transfeminista. Agardamos que te lances a voar con nós e que sintas este cento voando como arnés co que sucar os ventos sen medo á caída.

E tamén numerosos artigos e colaboracións en monografías.

A autora nas redes

Instagram: @xela.paris

Canle de YouTube: @anxelalemaparis6267

Facebook: Ánxela Lema París