Lupe Gómez
#AVoltaÁProvinciaEn52Autoras
Lupe Gómez
Guadalupe Gómez Arto, coñecida como Lupe Gómez, nada en Fisteus (Curtis), é unha poeta e xornalista galega, gañadora do Premio da Crítica Española.
Marchou con trece anos estudar o bacharelato á cidade da Coruña e máis tarde licenciouse en Ciencias da Información na Universidade de Santiago de Compostela. Colaborou con El Correo Gallego e Galicia Hoxe, ademais de facer artigos e críticas de libros e teatro.
Obra
Poesía
- Pornografía (1995). Edición da autora, reeditado en 2012 por Positivas. Foi traducida ao inglés e ao francés. Edición bilingüe en castelán.
- Os teus dedos na miña braga con regra (1999). Xerais. Foi traducida ao portugués e ao alemán.
- Poesía fea (2000). Noitarenga.
- Levantar as tetas (2004). Espiral Maior.
- Azul e estranxeira (2005). Ediciós do Castro. [GAL/11955]
- O útero dos cabalos (2005). Espiral Maior. [GAL/11798]
- A grafía dos mapas (2010). Toxosoutos. [GAL/16536]
- Camuflaxe (2017). Chan da Pólvora. Foi traducida ao inglés e ao castelán en 2019.
- Caracois de Belvís (2020).
- No encanto do aire (2020). Deputación da Coruña.
- Sílabas da peste (2021). Deputación da Coruña. [GAL P 26]
- Montaña ioga (2022). Espiral Maior.
- Salón de te (2023). Vigo: Xerais. [eBibliodacoruna]
Narrativa
- Fisteus era un mundo (2001). A Nosa Terra.
- Quero bailar (2006). Edición da autora. [GAL/12691]
Epistolario
- Fosforecencias (2019). Alvarellos Editora. [GAL/17512]
Teatro
- Diario dun bar (2008). Laiovento. [GAL/6457]
- Diálogos imposíbeis (2011). Laiovento. [GAL/16486]
Literatura infanto-xuvenil
- Querida Uxía (2004). Luis Vives (Edelvives).
Conversas
- Luz e Lupe. Libro de conversas con Luz Fandiño (2005). [GAL/12043]
Obras colectivas
- Chineses (1996). O Correo Galego. [GAL/6089]
- dEfecto 2000. Antoloxía de poetas dos 90 (1999). Letras de Cal.
- Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra (2003). Espiral Maior.
- Do máis fondo do silencio saen voces (2006). Asociación Cultural Panda de Relacións Laborais, A Coruña.
- Polifonías: voces poéticas contra a violencia de xénero (2006). Espiral Maior/Xunta de Galicia. [GAL/12530]
- Erato bajo la piel del deseo (2010). Sial Ediciones. [GAL/813]
- Cociñando ao pé da letra (2011). Galaxia. Colaboración con varios autores sobre poesía e cociña. [GAL/15704]
- Lois Pereiro en 17 voces (2011). La Voz de Galicia. [GAL/7140]
- Así fala Penélope : unha antoloxía de xénero [GAL P 63]
Premios
- Premio de Poesía Johán Carballeira no 2003, por O útero dos cabalos.
- XVII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón no 2004, por Azul e estranxeira.
- Premio da Crítica de poesía galega no 2018, por Camuflaxe.
- Gañadora da II edición dos Premios SELIC con Os caracois de Belvís, no 2019.
- VI certame poético Rosalía de Castro 2020, por No encanto do aire.
- XX Premio Miguel González Garcés no 2020, por Silabario da peste. Compartido con Daniel Asorey.
- XXXIV Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro: primeiro premio polo seu micropoemario Coplas a Lola, en 2020.
- X Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro en 2021, por Muiñeira da Pinguela.
- Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño en 2021 por Montaña loga.
- XI Premio Lueiro Rey de poesía no 2023 por Salón de té.
Autobiografía
Escura e azul (2004):
"Eu son Lupe, unha nena moi silenciosa, moi alegre, moi forte. Buscando sempre, na miña vida, a liberdade escura e azul dos elefantes. Nacín en Fisteus, unha aldea bonita onde a natureza brillaba. Eu ía coas vacas, en paz, e berraba na escola. Todo era sangrar. Todo era bonito, limpo. Bailar. Romper a gorxa e volver a amar, con ollos limpos, novos. Sentía, dende nena, que todo era demasiado grande, e que non había sitio para min. A veces tiven que chorar, tolear. A veces sufrir, e levantar os ollos no sitio dos mapas. A veces facer circunferencias nos campos e levantar a saia e ensinar o sexo, a sinceridade, as bragas. Escribir, dende sempre, para recuperarme, para levantar os ollos, para soportar o mundo, para voar, para romper a realidade. Facer poesía, como quen fai barcos. Construír o sexo, a cerámica. Facer nos meus ollos unha risa moi escandalosa, moi libre, moi alta. Bailar cos meus amigos na aldea. Na aldea nacín, e da aldea fun expulsada. Con desgarro, con dor. Nacín no galego, e en Curtis e en La Coruña sentín frustración. Estudei, eu era moi estudosa, gustábame estudar. Para min era como un exilio. Dentro de min había unha revolución enorme. Vin a Santiago de Compostela a vivir e a facer Xornalismo. Nesta cidade abrinme aos soños. Nesta cidade empecei a vivir. Aquí o meu mundo medrou moito. Aquí escribín os meus sete libros, e agora estou escribindo o oitavo, unha biografía sobre unha muller marabillosa e intensa. Aquí renunciei a ser perfecta e convertinme nun crocodilo. Aquí empecei a colaborar con El Correo Gallego e Galicia Hoxe. Fago artigos e críticas de libros e teatro como quen fai pan. Coa pulsión do infinito. Coa miña forza de nena pequena. Gardo en min moita rebeldía e moitas ganas de bailar. Os meus libros son os meus fillos. Pornografía naceu con éxito e con dor. Os teus dedos na miña braga con regra é unha historia de amor vivida en Compostela, chea de tenrura e paixón. Poesía fea naceu dunha forma moi viva, moi directa. Naceu nas cartas que eu escribía e lle mandaba aos meus amigos. Fisteus era un mundo é o meu libro máis alegre, o máis optimista, o máis sincero. É un libro moi vivido. Unha narración-poema feita coa miña vida, cos meus sentimentos. Querida Uxía vai dirixido para os nenos, e está escrito coa miña fantasía e co meu amor. Cando escribo isto, está a piques de saír o meu poemario Levantar as tetas, outra mostra máis do meu orgullo de ser Lupe, unha nena enferma que fai poemas mínimos, limpos, vivos. Tamén, gañei un premio co meu poemario O útero dos cabalos. Un poemario de poemas vitalistas, longos. Moi diferentes ás miñas poesías de antes.
Para min vivir consiste en escribir. Non concibo a miña vida sen escrita. Eu, se non escribo, non son eu. Son outra, estranxeira, alienada, perfecta. E eu non quero vivir chorando. Non quero nin imaxino unha vida sen escrita. Xa non quero ser perfecta, gris e de goma. Agora quero ser eu, Lupiverdiazul. Eu chámome asi, Lupiverdiazul. Quero vivir e que todo sexa bonito e emocionante. Encántame recitar, facer moitos recitais, berrar as miñas palabras. Os recitais son para min algo marabilloso, máxico e estraño. Fundirme coa xente, dunha forma intensa, catártica, sagrada. Berrando moito. Elevando a alegría e o pranto.
Morrerei algún dia, pero agora quero ser libre, e vivir todo intensamente. Agora quero enamorarme moito dos mozos, soñar, escaparme da escola. Quero beber cervexa polas noites en Compostela. Facer viaxes a Fisteus e a Portugal. Non quero ser real. Quero bailar."