Estás en:Novas

Formoso reafirma o compromiso da Deputación no apoio á atención das persoas con dano cerebral

O presidente provincial visitou en Santiago as instalacións de Sarela, unha das 30 entidades beneficiarias da liña de axudas específica para o mantemento de programas sociosanitarios, que vén de resolverse por un importe total de máis de 500.000 euros

As diferentes convocatorias de subvencións alcanzan cada ano a preto de trescentas entidades sociais da provincia

Formoso reafirma o compromiso da Deputación no apoio á atención das persoas con dano cerebral

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, valorou hoxe "o labor imprescindible" que desenvolven as entidades sen ánimo de lucro da provincia no eido sociosanitario. Formoso e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitaron a sede da Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela, unha das 30 beneficiarias das axudas que a Administración provincial vén de resolver este mes dentro da liña de subvencións destinada a apoiar o mantemento de programas dese ámbito.

Formoso e García percorreron as instalacións na compaña da directora do centro, Rocío García Calvo; o secretario, Luciano Fernández, e Juan Martínez, membro do grupo de primeira persoa de Sarela. Durante a visita tiveron oportunidade de coñecer polo miúdo os diferentes servizos que ofrece a entidade, como o de información, orientación e apoio a familias; o de atención especializada; o de atención diúrna terapéutica; o de mellora e mantemento da autonomía persoal e inclusión social; o de orientación laboral, ou a terapia acuática.

A Deputación vén contribuíndo de forma sostida ao mantemento da actividade de Sarela, a través dos seus programas de subvencións. No caso da deste ano, acadou os 34.000 euros. Nese senso, o presidente provincial destacou que, "pese a que a Deputación non ten as competencias na materia, sempre está atenta ás necesidades e ás demandas que poidan ter as entidades". Así llo trasladou aos responsables de Sarela na reunión que mantiveron despois de que Formoso asinase no Libro de Ouro da entidade.

O apoio económico da Deputación contribúe a iniciativas como a atención individual, que chega a 125 usuarios de Sarela; a realización de actividades dirixidas a familias, das que se benefician 55 persoas, ou accións de coordinación con servizos sociosanitarios, que implican a 120 profesionais.

As subvencións provinciais a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de programas sociosanitarios forman parte dun programa máis amplo de axudas a cargo dos Servizos Sociais da Deputación, do que se benefician un total de 273 entidades.