Estás en:Novas
AUTORAS DA PROVINCIA| #AVoltaÁProvinciaEn52Autoras

Beatriz García Turnes

Esta semana, no destaque de autoras da provincia, temos á filóloga e profesora Beatriz García Turnes, compostelana de nacemento e residente no concello de Teo.

Beatriz García Turnes

Beatriz García Turnes

Beatriz García Turnes naceu en Santiago de Compostela pero actualmente reside no concello de Teo. É filóloga e profesora. 

Licenciouse en filoloxía galega na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 2008 coa tese Ideas sobre o galego e as orixes do portugués na lingüística lusa do século XIX. Xénese e impacto en Galicia da hipótese celtista. Publicou artigos sobre sociolingüística histórica en revistas como Grial, Verba ou a Revista da UNED.

Colaborou co Instituto da Lingua Galega nun proxecto de investigación sociolingüística. Especialista en planificación e dinamización da lingua galega e docente de ensino medio é profesora-investigadora no Centro Ramón Piñeiro, onde codirixiu o proxecto Legado de Jürgen Untermann. Tesouro paleogalaico (TPGal).

É autora das monografías A lingua galega entre 1875 e 1916. Situación social e consciencia idiomática (Deputación de Pontevedra, 2004) e Vida e obra de Ramón Piñeiro (Galaxia, 2009). Tamén é coautora, xunto con Carmen González Bueno e María Álvarez de la Granja, dun Diccionario gallego-castellano, castellano-gallego (Galaxia, 2001) e, xunto con Xesús Alonso Montero, do ensaio Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas letras galegas (Parlamento de Galicia/Xunta de Galicia /RAG, 2016).

Como narradora acadou dúas veces o premio Minerva, convocado polo Colexio Manuel Peleteiro, e foi premio Lecturas, promovido pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, coa súa novela Valdamor (2001). Tamén gañou o Repsol de relato curto e o Camilo José Cela.

En 2018 publicou a súa segunda novela, O ouro das lúas, e en 2021 a terceira, Esta noite hei de ir a verte, todas na colección de literatura xuvenil Costa Oeste da Editorial Galaxia. En 2024 deu ao prelo na colección Literaria Ronsel (Galaxia) Comando Sintrom, o seu primeiro libro de contos.

Obra

Ensaio

  • Diccionario Gallego-Castellano, Castellano-Gallego (2001). Con María Álvarez de la Granja e Carmen González Bueno. Vigo: Ed. Galaxia.
  • A lingua galega entre 1875 e 1916: situación social e consciencia idiomática (2004). Deputación de Pontevedra.
  • Ideas sobre o galego e as orixes do portugués na lingüística lusa do século XIX. Xénese e impacto en Galicia da hipótese celtista (2008). Tese de doutoramento.
  • Vida e obra de Ramón Piñeiro (2009). Vigo: Ed. Galaxia. [GAL/14124]

Biografía e antoloxía nas que se sintetizan e recollen tanto a obra coma as distintas facetas da vida de Ramón Piñeiro. Escrito por Beatriz García Turnes, profesora de Lingua e Literatura Galegas, autora de A lingua galega entre 1875 e 1916, situación social e consciencia idiomática, este libro amosa as distintas facetas da biografía do escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2009 e achega unha selección de textos que abranguen a súa importante actividade epistolar, a súa concepción do papel da lingua na sociedade, os ensaios sobre a saudade e a función da literatura como expresión da cultura dun pobo.

  • Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas letras galegas (2016). Con Xesús Alonso Montero. Parlamento de Galicia, Xunta de Galicia e Real Academia Galega.

Narrativa

  • Valdamor (2001). Vigo: Ed. Galaxia, Costa Oeste. [N 869.9 GAR val / a]

Unha novela que se desenvolve nun mundo futuro, hipotético pero xa posible, no que a ciencia venceu á morte.

Os privilexiados habitantes da Zona A teñen dereito á inmortalidade, pero estalles prohibido ter fillos. Un importante político está no cárcere por ter desobedecido esa norma fundamental. Alí vaino visitar Adela, unha psicóloga penitenciaria encargada de estudar as razóns desa conduta.

  • O ouro das lúas (2018)Vigo: Ed. Galaxia. 
  • Esta noite hei de ir a verte (2021). Ed. Galaxia, Costa Oeste. 
  • Comando Sintrom (2024). Vigo: Ed. Galaxia. [GAL N 136]

Nestes relatos hai un rico mosaico de personaxes femininas que se atopan no final da súa vida. Con todo, non agardedes avoas de pano na cabeza, sentadas a carón da lareira ou enredadas coas tarefas domésticas. A autora presenta mulleres actuais que, a pesar da súa idade, ou quizais por iso, se adaptan aos novos tempos. Estas anciás manéxanse nas redes sociais, pasean o can pola cidade, camiñan por prescrición médica e gozan da vida na medida en que poden. O tempo xoga na súa contra e aparecen os achaques e tamén se enfrontan á soidade, ou ao pasado que chega para saldar débedas pendentes, porque ser vella non te fai mellor nin peor persoa, pero muda a visión da vida.

Nestes contos enfrontámonos ao que supón vivir nunha residencia, soa nunha casa ou en estreito contacto coas veciñas, e, curiosamente, todas as situacións teñen o seu aquel. Por veces estas mulleres son pillabanas, outras tremendamente sensibles, en ocasións parecen equivocarse, pero na inmensa maioría saen adiante con sentido do humor, con doses de retranca e de sororidade.

  • A maldición do papiro alexandrino (2024). Vigo: Xerais, Fóra de xogo. [eBiblioDaCoruna]

Nadal de 1918. Ao finalizar a Gran Guerra, Atenea Donadieu regresa a Francia para iniciar os seus estudos universitarios. Axiña, a súa intelixencia e os seus coñecementos chaman a atención na Facultade e levan a súa compañeira Olga Aleksandrova a facerlle unha encarga moi especial: debe axudarlle a recuperar un antigo papiro roubado. Deste xeito, Atenea non só lle fará un gran favor á súa nova amiga, senón que evitará o cumprimento da maldición que ameaza o novo dono do manuscrito.

Libros colectivos

  • O libro dos Reis Magos (2012). Vigo: Galaxia.

A autora nas redes

Redes sociais

  • IG: @beatriz_turnes
  • FB: https://www.facebook.com/beatriz.garciaturnes.5/