Estás en:Novas
AUTORAS DA PROVINCIA| #AVoltaÁProvinciaEn52Autoras

Alba María Rodríguez

Esta semana destacamos a Alba María Rodríguez, investigadora e regueifeira, veciña de Santiago de Compostela pero moi vencellada á comarca de Bergantiños.

Alba María Rodríguez

Alba María Rodríguez

Alba María Rodríguez é unha cantante, escritora, filóloga e regueifeira galega.

Nada nas Palmas de Gran Canaria, pasou a súa infancia en Vigo. Estudou Filoloxía galega na Universidade de Santiago de Compostela, localidade onde reside actualmente.

A música canaria arrolouna nestes primeiros anos e aínda conserva ese legado, mais sería a súa avoa de Tuiriz (Lugo) a que a animou ao canto. Estudou música no CMUS de Vigo e participou en diversos certames de poesía e improvisación, sendo unha destacada poeta e regueifeira.

En 2013 comeza os seus estudos de canto na Escola Livre da Música Popular Galega, de aCentral Folque, e en 2014 preséntase e gaña o I Certame de Canción de Autor organizado polo Concello de Teo. A partir de aí a súa vida artística dá un xiro xa que o premio consiste na gravación dun disco e aCentral Folque ocúpase da súa edición.

Aí comeza a xestación de "Aínda", un disco que contou cos arranxos dos artistas cubanos afincados en Galiza, Alejandro Vargas e José Manuel Díaz, produtor musical do disco. O resto da sonoridade conséguea rodeándose un afamado elenco de músicos do folque e do jazz entre os que se atopan Pedro Pascual (Marful), Felipe Villar, Óscar Fernández (Os Cempés), Carlos Freire, Gutier Álvarez...

Malia a súa xuventude, a madurez da súa voz e a mestría das súas composicións converten a "Aínda" nunha forte aposta discográfica que se presentou no Culturgal 2014 con chego total e que está de xira soprendendo e gustando tanto nas presentacións en teatros e auditorios como nos concertos ao aire libre. A finais de 2015 o disco esgota a súa primeira edición e xa vai pola segunda.

Desde entón pasaron ducias de concertos e Alba María vaise asentando non só no eido da canción galega senón tamén no da improvisación, sendo unha das poucas voces femininas e unha das máis novas en entregarse á arte da regueifa, que practica e da que xa ofrece obradoiros.

No directo, "Aínda" sona a cuarteto, con Alba María (voz), Felipe Villar (guitarra), José Manuel Díaz (contrabaixo) e Carlos Freire (batería). Un cuarteto que leva a música galega ao máis alto coa saiba máis nova que se pode atopar neste momento na escena musical galega. En ocasións, o directo pode contar coa colaboración especial dalgún dos músicos que participou na gravación do disco.

Ademais de ser regueifeira tamén estudou sobre esta tradición do país, tal como se pode comprobar na súa obra Regueifa de Bergantiños. Un libro CD onde se recolle a achega de dúas importantes figuras da regueifa bergantiñá, Celestrino de Leduzo e Calviño de Tallo.

Obra escrita

  • Regueifa en Bergantiños : Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo, A Central Folque, 2017. [GAL/17621]

Discografía

  • Aínda, 2015.
  • Videoclip de "Cabaleira" (Aínda, 2015)

  • "CABALEIRA" (Letra)

De que falarán as rúas/ cando ti pases por elas?/ Terán o sorriso triste/ de tanto espremer mentiras/ para afastarte do mal./ Deixarás adeuses no prato,/ unha biblioteca de ratos./ "Camareira, póñame a dignidade para levar"./ Contarán que fixeches o epitafio/ nun viraventos./ Poderán dicir que aínda tiñas zapatos/ "De momento, cabaleira, de momento"./ Mentres os paxaros chían/ a esperanza arrefría./ Corta o ventre a pantasma da perfecta/ con pestanas de cristal./ Vencer, vencer perdendo a guerra./ Vencer contando as infeccións,/ botando pus, coiraza-costra./ Vencer comprendendo que loitamos/ por terra, mar e papel./ Vencer, vencer, l'amour est un oiseau rebelle./ Que pensan de ti as rúas/ para non deixarche paso?/ Choverá e correrán ríos de paciencia/ nos teus santísimos ovarios./ Non querías nin nadar no propio pranto./ Non querías nin slogan en inglés./ "Cabaleira, fala vostede cos pés"./ Deixaches o verso solto/ anseiando unha caricia./ Romperás as velas procurando/ naufragar nalgunha illa./ "Onde é que vai cabaleira?/ Non sabe que é vostede a primeira/ en perder?"/ Vencer, vencer perdendo a guerra./ Vencer contando as infeccións,/ botando pus, coiraza-costra./ Vencer comprendendo que loitamos/ por terra, mar e papel./ Vencer, vencer, l'amour est un oiseau rebelle./ Vencer, vencer perdendo a guerra./ Vencer contando as infeccións,/ botando pus, coiraza-costra./ Vencer comprendendo que loitamos/ por terra, mar e papel./ Vencer, vencer, vencer, vencer, vencer, vencer.../ Venderás a saudade dos fados,/ baixarás o amor do estrado./ E cabalgar, cabaleira, o amencer!

A autora nas redes

Din de Alba María...

Ugia Pedreira: Comedora de caldo e amante das palavras e melodias que a conventem numa fiandeira fina, paixonal, exuberante, audaz, sutil, comprometida sem evidencias e com prodigioso talento natural para fazer coplas e canzons, apressenta-se na música do pais conscente de que a sua arte dirige-se á aceptazom própria como primogénito início. Semelha que Alba está na nova era da con-inspiraçom e do compartilhar e comeza polo sam conhecimento de si mesma a traves da música, polo tanto sem aleccionar. Ao meu entender, nom hà maior nivel de honestidade na incursom artística.

Ler a entrevista completa aquí: Galicia Confidencial: http://www.galiciaconfidencial.com/nova/23000-alba-maria?pag_com=%201