Liñas de axudas ao deporte
A Sección de Deportes da Deputación da Coruña deseñou un programa de achegas para apoiar ás entidades, clubs e federacións da provincia no fomento e promoción do deporte, axudando ao desenvolvemento da súa actividade competitiva en tódolos ámbitos, promovendo o investimento en material inventariable e a adquisición de vehículos para os clubs, e axudando na organización de eventos deportivos na provincia, para facilitar no posible o espallamento da actividade deportiva entre a cidadanía, entendéndoa como un medio idóneo para a adquisición dos hábitos propios dun estilo de vida saudable, un dos obxectivos primordiais desta administración no seu compromiso de servizo á sociedade. Asemade, no fomento desta participación cidadá a través das entidades, clubs e federacións deportivas miramos dun xeito especial polo deporte de base, a igualdade de xénero e o deporte inclusivo, na procura de facilitar a integración e a igualdade de oportunidades para tódalas compoñentes da nosa sociedade.
O programa estrutúrase en sete liñas que contan cun orzamento superior aos catro millóns de euros, un incremento por riba do 5% sobre o do ano anterior. Este esforzo inversor é unha aposta de presente e garantía de futuro que axuda a promover a actividade e o funcionamento dos equipos coruñeses en competición en tódalas disciplinas e categorías deportivas, o que significa para a Deputación da Coruña recoñecer o esforzo que fan cada día milleiros de deportistas para colocar os seus clubs na vangarda do deporte galego.
Consulta a información das convocatorias
FO103A: Programa de subvencións a entidades da provincia, sen ánimo de lucro, para a realización de actividades de fomento da actividade física e do deporte durante o ano 2026.
Este programa inclúe no seu obxecto 3 liñas específicas:
- Actividades conducentes á mellora da condición física, á ocupación activa do tempo de lecer, ó deporte de carácter afeccionado ou popular e á participación en competicións deportivas que non sexan federadas.
- A promoción social da práctica e dos valores deportivos que se realice mediante a organización de actividades de formación, difusión e divulgación do deporte e dos valores deportivos. Poderán consistir en charlas, talleres, cursos, organización de simposios e xornadas de debate.
- A organización de competicións deportivas federadas ou non federadas.
FO103A/2026. Orzamento: 550.000 €
Prazo aberto ata o 16 de decembro de 2026.
FO103B: Programa de subvencións para clubs deportivos da provincia, sen ánimo de lucro, con equipos ou deportistas que participen en competición federada de ámbito local, provincial, ou autonómico durante o ano 2026.
A axuda deste programa esta dirixido a clubs deportivos que conten con algún equipo ou deportista (no caso de deportes individuais) que participen en competicións oficiais federadas de ámbito local, provincial ou autonómico no ano 2026.
A axuda deste programa está destinada para os gastos ocasionados polo exercicio das funcións propias dos clubs deportivos no desenvolvemento da súa actividade federada ao dentro das competicións nas que participa.
FO103B/2026: Orzamento: 1.000.000 €
Prazo aberto ata o 02 de febreiro de 2026.
FO103C: Programa de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para clubs deportivos da provincia, sen ánimo de lucro, con equipos ou deportistas que participen en competición federada de ámbito nacional ou internacional durante o ano 2026.
A axuda deste programa esta dirixido a clubs deportivos que conten con algún equipo ou deportista (no caso de deportes individuais) que participen en competicións oficiais federadas de ámbito nacional ou internacional durante o ano 2026, aínda que algúns dos outros equipos ou deportistas do club participen en competicións oficiais federadas de ámbito inferior ao nacional.
O obxecto do programa é financiar exclusivamente os gastos derivados da súa participación en competicións oficiais federadas de ámbito nacional ou internacional.
FO103C/2026. Orzamento: 1.200.000 €.
Prazo aberto ata o 02 de febreiro de 2026.
FO103D: Programa de subvencións a entidades deportivas, sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de grandes eventos deportivos singulares de especial interese na provincia durante o ano 2026.
A axuda deste programa destinarase a sufragar os gastos inherentes á organización de grandes eventos deportivos, promovidos por entidades deportivas, de carácter relevante (pola súa incidencia en termos deportivos, sociais e económicos xerando ingresos ou beneficios para o territorio) da provincia.
Estes eventos desenvolveranse de xeito ininterrumpido nunha ou varias xornadas consecutivas, terán que estar incluídos no calendario de competicións oficial correspondente e deberán ter un orzamento igual ou superior a 50.000 €.
Cada entidade só pode presentar un proxecto dun só evento.
FO103D/2026. Orzamento: 500.000 €.
Prazo aberto ata o 02 de marzo de 2026.
FO104: Programa de subvencións a entidades deportivas da provincia, sen ánimo de lucro, para infraestruturas e equipamento deportivo durante o ano 2026.
As axudas económicas obxecto desta liña de subvención destinarase á realización de investimentos deportivos directamente relacionados coa modalidade coa que figure inscrita no rexistro de entidades deportivas.
Unicamente serán obxecto de axuda os gastos por adquisición, rehabilitación ou mellora de instalacións propias da entidade; obra nova; bens inventariables e equipamentos.
No caso de adquisición, rehabilitación ou mellora de instalacións e obra nova as instalacións deberán ser propias, non alugadas nin cedidas.
FO104/2026. Orzamento: 550.000 €.
Prazo aberto ata o 16 de decembro de 2026.
FO104V: Programa de subvencións aos clubs deportivos da provincia da Coruña que participaran en competición federada durante o ano 2025 para adquisición de vehículos de uso deportivo durante o ano 2026.
O obxecto deste programa é financiar os gastos derivados da adquisicións de vehículos novos ou usados, para facilitar a realización das súas actividades.
Os vehículos usados, deberán cumprir estes requisitos:
· Ter unha antigüidade máxima de 3 anos.
· Ter como máximo 80.000 quilómetros.
· Ter pasadas todas as inspeccións técnicas obrigatorias.
· Contar cunha garantía mínima de fábrica de 2 anos.
· Non estar reformados ou, con reformas que non modifiquen as características de fábrica, excepto a colocación de enganche de remolque que si será admitido.
Os vehículos matriculados polo concesionario ou polo fabricante (quilómetro cero) terán a consideración de novos.
FO104V/2026. Orzamento: 125.000 €.
Prazo aberto ata o 16 de decembro de 2026.
