En galego, todos os días
Traballar activamente en favor da normalización social da lingua galega é unha das tarefas que as administracións públicas deben atender de forma obrigada en Galicia. O galego é a nosa lingua propia, a lingua que nos une como galegos e galegas, e tamén o elemento que máis e mellor nos define como pobo. E desde o ámbito público é obrigado traballar para garantir que calquera persoa que así o desexe poida desenvolver a súa vida plenamente en galego con normalidade. Temos dereito a vivir en galego, día a día, e sen limitacións. Para iso é preciso traballar pola igualdade de dereitos lingüísticos e pola fin dos prexuízos, tópicos e actitudes negativas que aínda hoxe afectan ao seu uso, a través do desenvolvemento de medidas que garantan a súa presenza e garantía de uso en todos os ámbitos. En coherencia co anterior, desde a área de Lingua da Deputación da Coruña desenvolvemos diferentes iniciativas e/ou liñas de traballo:
- Ordenanza de Usos da Lingua Galega da Deputación da Coruña. En maio de 2016 aprobouse a ordenanza de uso da lingua galega, documento oficial que impulsa e inclúe o uso da nosa lingua en todos os ámbitos de actuación.
- Servizos Municipais de Normalización Lingüística. A Deputación da Coruña contribúe anualmente ao financiamento de todos os servizos de normalización lingüística municipais da provincia. En total, 50 concellos e mancomunidades son os beneficiarios desta liña de axudas da Deputación.
- Apoio a asociacións e proxectos de dinamización lingüística. A Deputación apoia iniciativas sociais de normalización lingüística como o Correlingua, Youtubeir@s ou Tíralle da Língua e tamén o traballo de entidades deste ámbito como a Mesa pola Normalización Lingüística ou a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística.
- Bolsas de investigación en planificación sociolingüística. Creadas en 2016, ao conxunto de especialidades da convocatoria de bolsas de investigación engadíuselle como área específica a de planificación lingüística da lingua galega, pola que se apoian cada ano dúas investigacións.
- Programacións propias. A Deputación desenvolve anualmente diferentes iniciativas e campañas sociais de sensibilización sociolingüística, especialmente dirixidas á mocidade e orientadas ao traballo nas actitudes sobre a lingua.
- Premios. O concurso Quero Cantar fomenta a creación musical en galego entre as crianzas e a mocidade, en tanto o premio Rosalía de Castro recoñece cada ano iniciativas e traxectorias de referencia e prestixio no ámbito da normalización e da lingua.
A maiores, o SNL da Deputación desenvolve diferentes funcións de apoio, asesoramento e corrección lingüística tanto no ámbito interno como cara os concellos e entidades.