Programa Filiación de Orixe
Este programa xorde da necesidade de organizar a atención profesional ás persoas que solicitan datos sobre a súa orixe ou biografía na súa primeira infancia, desde a recepción da primeira demanda de información – en persoa ou telefónica-, ata a entrega da documentación e información requirida, acompañando a entrega de informes ou documentos dunha intervención de apoio profesional.
Xustificación
O sentimento de pertenza a unha familia, a unha liñaxe e o desenvolvemento dunha identidade propia, constrúese coa presenza das persoas que nos preceden na liña xeracional dándonos un lugar nunha liña sucesoria. Para isto contamos cos nosos recordos e cos dos nosos familiares, tanto si son evocados e lembrados coma se forman parte dun relato familiar.
As persoas adoptadas teñen un pasado, unha historia e no proceso de busca da súa identidade implica integrar unha dobre árbore xenealóxica: o da súa familia biolóxica e o da súa familia adoptiva. Para isto é necesario que poidan obter información sobre a súa orixe.
O dereito a coñecer as orixes biolóxicas está regulado na Lei 54/2007, do 28 de decembro, de adopción internacional, e o Código civil permítelle a calquera persoa investigar a súa filiación biolóxica.
Entendemos que tal e como se fundamenta o dereito ao coñecemento das orixes, este debe referirse non só á vertente biolóxica, ao coñecemento da identidade dos proxenitores biolóxicos, senón tamén -ou mesmo sobre todo- ao coñecemento da propia historia persoal, da que forman parte a contorna social e familiar e as circunstancias vividas durante a infancia.
A busca non se relaciona co dereito a establecer lazos filiativos, nin sequera constatamos un desexo de coñecer as persoas que foron os seus proxenitores, senón ao de coñecer a orixe biolóxica, as causas persoais, sociais e do entorno familiar de orixe que deu lugar á filiación adoptiva. Esta necesidade responde a un interese lexítimo –común e universal- que é independente da relación que estas persoas manteñan como fillos adoptivos. Non hai deslealdade cos pais adoptivos cando se trata de avanzar no coñecemento de si mesmo.
Quen pode facer a solicitude?
Vai dirixido a persoas que estiveron nalgún Centro desta deputación e romperon os vínculos coa súa familia de orixe por cambio de filiación ou sen el. Trátase de persoas que foron adoptadas, proafilladas ou que regresaron coa familia de orixe mantendo a filiación, pero sen lazo familiar que faga de soporte e inscrición nunha liñaxe familiar.
Todas as peticións teñen en común o desexo de satisfacer necesidades relacionadas coa identidade, coa liñaxe, e co desexo de atopar datos biográficos con que poder historiar a súa vida.
A busca destes datos nos arquivos públicos dáse en persoas que romperon ou manteñen vínculos fráxiles coa familia da que estiveron separados na primeira infancia.
O programa fai unha valoración personalizada de cada solicitude tendo en conta as circunstancias legais e psicosociais de cada persoa, dentro do marco legal do momento en que se produciu a adopción. Poden pedir o contido do seu expediente si reúnen algunha das seguintes circunstancias:
- Persoas que tratan de esclarecer a identidade dos proxenitores biolóxicos.
- Persoas que coñecen a súa filiación de orixe, e que queren coñecer por que chegaron ao Fogar e por que foron adoptados. Os expedientes anteriores á década dos 80, conteñen case exclusivamente datos administrativos, en moi poucos atopamos contidos da contorna familiar de orixe.
- Persoas que estiveron nalgún dos Fogares desta deputación na súa infancia, manteñen a súa filiación de orixe e queren coñecer os motivos polos que estiveron separados da súa familia.
- Persoas que coñecendo que no noso Arquivo existe un expediente cos seus datos de filiación de orixe e/ou de contido social, solicitan de acordo á lexislación de Protección de datos persoais, a cancelación destes.
Documentación para realizar unha solicitude:
- Impreso que se xunta a continuación cuberto
- Fotocopia de DNI
- Certificado literal de nacemento.
Enderezos de envío:
Correo ordinario
(pode enviar os documentos anexos á solicitude nun sobre cerrado que se abrirá exclusivamente para tramitar a súa solicitude)
Deputación Provincial da Coruña
Avenida Porto da Coruña, 2
15003 A Coruña
Por sede electrónica:
Dirixindo a solicitude acompañada dos documentos sinalados á Sección de Servizos Sociais.
Non se admitirán solicitudes que sexan remitidas por correo electrónico.
Se necesita algunha aclaración pode pedila en: