Servizo de Teleasistencia da Deputación da Coruña
Toca Confianza
A Teleasistencia da Deputación da Coruña é un servizo gratuíto que ofrece seguridade, apoio e acompañamento a persoas maiores no seu fogar. Cun dispositivo de fácil uso, permite contactar cun centro de atención que funciona as 24 horas ao día, os 365 días do ano.
A solicitude da Teleasistencia da Deputación realízase a través dos servizos sociais do concello de residencia da persoa. As persoas solicitantes deben contactar cos servizos sociais do seu concello, onde se valorará a súa situación e se lle orientará cos documentos necesarios para efectuar para a solicitude.
CÓMO FUNCIONA?
O funcionamento da Teleasistencia da Deputación é moi simple. A usuaria ou usuario simplemente ten que premer o botón da pulseira, medallón ou reloxo que deben levar sempre consigo. Unha vez se preme o botón, a conexión por voz coa central de Teleasistencia é inmediata.
O servizo ten como obxectivo ofrecerlle seguridade e tranquilidade á persoa usuaria e aos seus familiares, garantindo a atención en caso de emerxencia. Para iso conta con capacidade para mobilizar recursos en caso de emerxencia sanitaria, domiciliaria ou social durante as 24 horas do día todos os días do ano.
O servizo de Teleasistencia desenvolve as seguintes accións:
- Garante a comunicación interpersoal, bidireccional, ante calquera necesidade as 24 horas do día, os 365 días do ano.
- Proporciona atención inmediata e adecuada ante situacións de emerxencia a través de persoal especializado.
- Proporcionarlle atención presencial á persoa usuaria cando esta sexa necesaria.
- Mobiliza recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, domiciliaria ou social.
- Prevén, detectando precozmente as situacións de risco que poidan darse.
- Proporcionar seguridade e tranquilidade ás persoas usuarias e aos seus familiares garantindo a atención en caso de emerxencia.
- Fai un seguimento permanente da persoa usuaria desde o Centro de Atención, mediante chamadas telefónicas periódicas (de familiarización, de cortesía e felicitación, de seguimento quincenal, de recordatorio..) coa finalidade de estar presentes na súa vida cotiá, potenciar hábitos de vida saudable e actualizar os datos do expediente socio sanitario da persoa usuaria.
- Xestionar axendas específicas subscritas entre a empresa/entidade prestadora do servizo e a persoa usuaria a pedimento desta, da súa familia ou persoas achegadas, que permitan lembrarlles tomas de medicación, actividades ou citas.
PERSOAS DESTINATARIAS
O programa de Teleasistencia da Deputación da Coruña está destinado a persoas maiores de 65 anos e que residan en calquera municipio da provincia da Coruña de menos de 75.000 habitantes (actualmente están adheridos todos agás Muros, Santiago de Compostela e A Coruña).
As persoas solicitantes deben deben reunir a condición de non dependentes de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, e cumprir as condicións recollidas no REGULAMENTO TAD 2023.pdf, onde se sinala que vai dirixido a:
- Persoas que vivan soas, maiores de 65 anos ou que padecen una enfermidade ou diversidade funcional que lles impida desenvolverse na casa con autonomía.
- Persoas que conviven con outra, e unha das dúas ten máis de 65 años e/ou padece unha enfermidade ou diversidade funcional que lle limita a súa autonomía persoal e doméstica.
- Calquera persoa en situación de risco (persoas enfermas, anciáns ou con diversidade funcional) que viven soas ou permanezan nesta circunstancia a maior parte do día.
REQUISITOS DE ACCESO AO SERVIZO
O servizo é gratuíto para todas as persoas que cumpran as condicións para ser usuarias, recollidas no Regulamento de funcionamento do Programa de entre elas destacamos:
- Non ter recoñecido grao de dependencia no marco da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia. No caso de que a persoa solicitante teña en trámite a solicitude de recoñecemento de dependencia deberá reflectirse no informe social. Se despois de estar de alta a persoa usuaria, recoñéceselle grao de dependencia, deberá informar ao seu Concello e á Deputación causando baixa no programa provincial, cando teña dereito efectivo á mesma prestación polo sistema de atención á dependencia.
- Os ingresos anuais da persoa solicitante non deben superar o límite establecido e que se fixa na contía correspondente a 2,5 veces o valor do IPREM anual en 14 mensualidades. Para os efectos do cálculo dos ingresos anuais teranse en conta os ingresos netos de catorce pagas (pensións, prestacións económicas, retribucións...) así como os rendementos de capital da persoa solicitante.
- Ter designada unha persoa de contacto que teña acceso ás chaves da vivenda da persoa usuaria, para a súa utilización no caso de necesidade de acceso nunha emerxencia, nas condicións valoradas pola empresa adxudicataria do servizo en canto á distancia entre os domicilios.
DESENVOLVEMENTO DO SERVIZO: CONTIDOS DO SERVIZO E OUTRAS FUNCIONALIDADES.
Ao comezo da prestación do servizo, os operadores/as de Teleasistencia realizan unha valoración persoal, social e do contorno das necesidades específicas do usuario que dá lugar ao PIA-T Proxecto Individual de Atención de Teleasistencia. Esta valoración da tipoloxía de acompañamento que se precisa, elabórase despois de coñecer as necesidades e preferencias de cada unha das persoas usuarias e facendo unha valoración personalizada das funcionalidades que require cada unha.
Como resultado desta valoración establécese o Perfil de Risco social (Severo, Moderado ou Leve) que especifica as necesidades máis particulares da intervención. Ademais, no protocolo da alta valórase no contorno da persoa usuaria a instalación de dispositivos periféricos tales como: detector de gas, de fume, de movementos, alarma...
O servizo de Teleasistencia da Deputación conta a día de hoxe con máis de 4.100 persoas usuarias activas, sendo o perfil máis habitual o dunha muller maior de 80 que vive soa.
Servizo de Teleasistencia da Deputación da Coruña
Toca Confianza