Estás en:Servizos Sociais Área de Igualdade Proxectos Espectáculo Ceibe

Espectáculo Ceibe

En 2022 Fran Sieira compañía de danza comeza a indagar sobre o xénero e as súas formas de operar en diferentes ámbitos da cotidianidade, prestando especial atención nun primeiro momento no noso folclore e en particular no baile tradicional galego, creando unha peza curta, NeutrX, como o inicio dun amplo proceso de investigación no que se mergullará na creación do novo gran proxecto da compañía. Nace deste xeito unha nova idea, un novo proceso de investigación máis ambicioso, nace Ceibe.

Como compañía de danza quere trasladar mensaxes á sociedade e axudar a normalizar e desestigmatizar certos aspectos da noso entorno, e por suposto, sempre a través do noso baile e música tradicional.

"NeutrX" é unha peza coreográfica de 14 minutos de duración con música inédita de Xisco Feijoó e Carlos Quintá, cun elenco de 6 bailadorXs e baixo a dirección artística de Fran Sieira, onde se cuestionan os roles de xénero no baile tradicional galego.

Desde a posta en escena, caracterización, vestiario e pasos de baile..., todo pon en tela de xuízo o rol de xénero preconcibido dentro do baile tradicional. Esta peza é froito dun proceso de investigación a través dunha residencia artística de 15 días onde a compañía experimentamos con danzas características do noso folclore onde estaban, e incluso, a día de hoxe seguen a estar, limitados os roles de xénero; así como estilos e xeitos de bailar que puideran ser característicos de cada un dos roles tradicionais, buscando, deste xeito, unha nova linguaxe máis inclusiva, afastada de estereotipos, buscando unha calidade do movemento desligada da relación das bailadoras e bailadores co xénero.


Deste proceso creativo nace a necesidade de seguir avanzando nesta vía de traballo coa intención de crear "Ceibe": unha peza de 60 minutos de duración cun elenco de 8 bailadoras e bailadores , afondando na relación entre o xénero e a nosa tradición. Na codirección artística contan cun experto no seu eido, Sergio R. Suárez.

Representación en exclusiva da obra o venres, 26 de xaneiro no Auditorio de Ribeira.